viernes, 8 de junio de 2018

Escritura automática II

Estou mal. Sei que se mo preguntan o nego. Que os miro cuns ollos moi abertos e cun dos meus mellores sorrisos de mala actriz, e digo que todo vai ben. Como vou a estar eu mal? Eu? Nunca!
Por suposto que podo con todo, que nunca teño nubes negras, que os meus ollos non saben o que son as bágoas... Por suposto que eu non sei que a dor, a perda dun ser querido, o pesimismo, sentirse inferior ca outra persoa, o temor, o fracaso...
Iso son o montón de cousas que quero que a xente pense que non sei o que significan, que nunca as vivín... Pero, para que negalo! É imposíbel que me crean cando me ven coa mirada perdida na metade dunha divertida conversación, cando miro para eles e esbozo un sorriso sen paixón, cando os meus ollos amosan a morte que teño no meu interior.
Estás ben? Preguntarán. Si, non é nada. Sempre é a mesma resposta. Pero eles saben que minto, eu sei que minto... Pero non sei por que o fago! Supoño que é porque non teño un motivo para facelo porque non teño unha explicación para esa tristura repentina que me asolaga. Sei que eles entenderían que non queira falar do tema, e que preferirían que lles dixese a verdade, que estou mal... Pero non podo facer iso!
Agora estou mal, non coñezo o motivo. Só sei que debería de estar feliz, vou ir ao selectivo, teño moi bos amigos, estou coñecendo novas persoas, teño un mozo que me quere... Pero algo falla en mín. Non son capaz de disfrutar todo o que teño. Agora mesmo, non podo. Todo é triste, todo é dor dentro de min. Todo é escuridade.
Non hai nada que me alegre, nin unha mensaxe súa dicindo que me quere, nin o saber que por fin superei ao outro... Nada me fai estar ben! Nen sequera a seguridade que teño de poder entrar na carreira que quero!
Non, isto non pode acabar así. Non podo rematar un texto que fago para desofarme seguindo sentíndome mal, pero supoño que vai ter que ser así. Por min estaría escribindo eternamente, que xa fai moito que non o fago.. Tamén fai moito que non leo... Supoño que é falta de tempo, ou máis ben de ganas.
Si, non teño motivación para nada, as veces, nin para responder unha simple mensaxe. Non teño ganas de falar con ninguén, non teño ganas de ser feliz. Odio iso! Odio que todo do que teña ganas sexa de autocompadecerme, de querer ser o puto centro do meu mundo. Odio que só funcione cando estou triste. Por que non me podo prestar sempre atención? Non, iso é imposible, só me quero cando estou mal para intentar animarme, pero sei que non dou, non son quen de facerme feliz a min mesma, porque non son capaz de ser feliz con todo o que teño.
Dame medo sentir tanta insatisfacción, non sei, non teño metas na vida porque non mas quero por, non teño grandes desexos, e os que teño xa me encargo de autosbotealos, non teño motivos para estar mal pero sempre quero atopar algún. Teñoo todo e quero ter nada para ver se así son feliz, a sabendas de que me faría moito máis dano.
Non sei se me explico, dame igual que ninguén o poida comprender, bastame con que eu si que o faga. Nunca escribo para a xente que me le, escribo para min e para unha persoa concreta a que nunca lle interesei nin o máis mínimo. Pero así é a vida.
Supoño que aquí remata isto, xa non teño ganas de seguir deixando caer os meu dedos sobre o teclado, só quero escoitar música e respirar tranquilamente, mentres busco unha excusa para volver falarlle. Porque, para que negalo? A felicidade non me gusta, quero estar mal, e dame medo cambiar de motivo a tristeza.
Supoño que por iso pasei catro anos namorada da mesma persoa, dábame medo o cambio. Coñecer a outra persoa e volver sufrir todo de novo, son máis feliz sufrindo polo que xa coñezo. Supoño que si, que na vida non me irá moi ben se teño tanto temor as cousas novas que me poidan pasar, pero non me gusta dar un paso sen estar segura de que terei chan que pisar.
Outro dos meus medos é morrer sen ser recordada, pero non fago nada para que a xente se lembre de mín. Pero, nada que isto aquí remata.